Presentación

Redondela 2020

As Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sustentable Integrado (EDUSI) son un grupo de actuacións financiadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cuxo obxectivo principal é mellorar a calidade de vida das cidades dunha forma integrada, incluíndo aspectos que van desde a cohesión social ata o fomento da economía baixa en carbono, a sustentabilidade medioambiental e a optimización do uso dos recursos.

Redondela 2020 é unha das 84 Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sustentable elixidas en primeira convocatoria polo Ministerio de Facenda e Función Pública, entre 270 candidatos de todo o territorio nacional. Aprobouse un importe para a execución da Estratexia de 6.250.0000 €, dos cales 5.000.000 € son financiados con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e 1.250.00 € con cargo a fondos propios do Concello de Redondela.

Obxectivos esenciais

A implementación da DUSI terá como obxectivo camiñar cara a unha “cidade amable, competitiva e conectada”, vertebrada a través do patrimonio medioambiental, histórico e cultural. A cidade que temos require desenvolver un modelo de cidade “futuro” que aborde os retos estratéxicos, sociais, ambientais, climáticos, económicos e de gobernanza, baixo as dimensións de equidade social, sustentabilidade do territorio, competitividade económica e gobernanza, que transforme Redondela nunha cidade máis sustentable e amable, que sitúe a cidadanía no centro das políticas públicas.

QUE VALORES TEN A EDUSI REDONDELA 2020?

  1. Propicia un modelo de cidade que distribúa sobre o territorio espazo para as persoas, emprego e actividades sociais.

  2. Deseña un modelo de cidade que propicie a xestión eficiente e eficaz do espazo público.

  3. Promove unha cidade sen barreiras arquitectónicas, con amplas zonas de lecer, sen contaminación e ruídos.

  4. Aposta por sistemas modernos de mobilidade sustentable.

  5. Disuade do uso do automóbil, e reordena e expande o transporte público colectivo, para consolidar novos hábitos peonís e a utilización da bicicleta.

  6. Promove novos corredores verdes urbanos que unan os diferentes equipamentos sociais,deportivos e culturais co centro urbano.

  1. Acerca a Administración electrónica á cidadanía.

  2. Mellora o contorno competitivo da cidade, coa atracción de investimento público e/ou privado.

  3. Reduce as desigualdades na cidade respecto ao acceso ao emprego, infraestrutura, equipamento e servizos, propiciando o dereito á cidade para todos.

  4. Promove o desenvolvemento de novas infraestruturas e ferramentas encamiñadas ao reforzo da competitividade urbana.

  5. Pon en valor o patrimonio histórico, cultural e medioambiental de Redondela, co que contribúe a mellorar os espazos públicos.

O desenvolvemento urbano sustentable fai referencia á mellora duradeira e a longo prazo das condicións sociais, económicas e ambientais dunha área urbana.

Cada vez é máis evidente que os distintos retos económicos, medioambientais, climáticos, demográficos e sociais aos que se enfrontan as zonas urbanas están interrelacionados e o éxito do desenvolvemento urbano só pode lograrse a través dun enfoque integrado.